Benvida/o á web do CIMM.

En nome do Concello de Cabanas, práceme darche a benvida á páxina web do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM), un proxecto impulsado pola Concellaría do Medio Ambiente de Cabanas, e construído man a man coas xentes do mar, a veciñanza, e as achegas recollidas de moitas entidades que puxeron o seu grao de area para facelo posíbel.

O CIMM é un espazo de encontro, e un lugar no que nada é casual. Nin o é a súa ubicación, ao carón do esteiro do Eume, situándonos ao pé dun dos espectáculos naturais máis importantes para a vida na costa de Cabanas; nin tampouco o son os seus contidos, que van máis aló das súas paredes para integrar a interpretación do territorio a través de actividades dentro e fóra do edificio; e por suposto, tampouco o son os materiais cos que foi fabricado, apostando pola madeira para favorecer a súa integración co entorno.

O proxecto do CIMM contempla que as xentes do mar de Cabanas e arredores poidan transmitir o seu coñecemento sobre o mar ao resto da poboación e persoas que se acheguen para coñecelo, a través de relatos en primeira persoa e tamén mediante tecnoloxías de musealización, co obxectivo de canalizar eses coñecementos e axudar a revalorizar o ecosistema mariño.

Coa posta en marcha do Centro de Interpretación do Medio Mariño, Cabanas abre as portas ao mar.

Benvidas á web do CIMM!

Iago Varela Martínez (1º Tenente de Alcalde)