Exposición “Os viveiristas da Habana”

Até o próximo 15 de agosto poderase visitar no Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas a exposición “Os viveiristas da Habana (mariñeiros emigrados da ría de Ares)”, unha escolma de fotografías a través das cales as visitantes poderán coñecer a actividade dos barcos viveiro da Habana gobernados e tripulados por mariñeiros da ría de Ares, unhas embarcacións de vela, aparelladas como goletas, que faenaron ata mediados do século pasado nas perigosas augas do Caribe.

Nun tempo no que a salgadura era o principal sistema de conservación do peixe, os viveiros da Habana, contaban cun enxeñoso sistema que permitía manter vivas as capturas e garantir o abastecemento dos mercados da Habana con peixe fresco.

Relatorio de Ernesto López Naveiras

Para o venres día 5 as 19:00 horas, como complemento da exposición, está previsto un relatorio a cargo de Ernesto López Naveiras, ex-presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, quen desvelará moitos dos segredos desta actividade económica e das historias persoais destes mariñeiros emigrados. Será nas instalacións do propio CIMM.