Do día 1 ao día 15 de xullo poderase visitar no Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas a exposición “Redes, o porto e cabria”, unha colección de fotografías cedida temporalmente pola Agrupación Instrutiva de Caamouco, e que foi recompilada durante máis de 30 anos, casa á casa, grazas á colaboración de todo o pobo. A través dela, as persoas visitantes poderán coñecer a singularidade dun porto mariñeiro na súa arquitectura, a tradición pesqueira, as costumes e a vinculación coa terra e o mar.
Coincidindo coa inaugruación da exposición, Ernesto López Naveiras, membro da Agrupación Instrutiva de Caamouco e gran coñecedor do pasado mariñeiro do porto de Redes, fará un relatorio que se completará cunha proxección sobre Redes desde os anos 1912 a 1950, onde se amosará a historia mariñeira, emigrante e labradora deste porto da ría especializado na pesca da sardiña.