Durante a segunda quincena de xullo, o Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas acolle a exposición “As baterías de costa da provincia da Coruña”, unha mostra cedida temporalmente pola Deputación da Coruña. Consta de 20 paneis nos que se recolle a ubicación, descrición e funcionalidades destas construcións estratéxicas, historicamente indispensábeis para a protección das prazas de Ferrol, A Coruña e do territorio marítimo do Golfo Ártabro.
Ademais, o luns 18 de xullo ás 20.00h contarase coa presenza de José Manuel López Hermida, estudoso da historia militar, e José Manuel Yáñez Rodríguez, xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña, especialista no patrimonio construído na provincia. Ambos son coautores do libro “La defensa de la costa. Provincia de A Coruña”, e ofrecerán un relatorio sobre a importancia histórica e o valor patrimonial destes elementos defensivos nas nosas costas. A entrada é libre até completar o aforo.