O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas organiza, en colaboración co Campus do Mar da Universidade de Vigo, o ciclo divulgativo “Desafíos do Océano: Científicas ao mando”, no que se proxectarán seis curtas e participarán catro das seis científicas involucradas no proxecto homónimo.
O ciclo dividirase en dúas xornadas, a primeira delas este xoves 26 de xaneiro ás 20h, que estará centrada nas especies invasoras, os microplásticos e a sostibilidade da pesca, contando coa intervención da investigadora e doutora Lucía Viñas.
Dúas semanas despois, o xoves 9 de febreiro ás 20h, a xornada versará sobre a erosión costeira, a acidificación oceánica e os eventos extremos, coas intervencións das doutoras Ana Bernabeu, Marta Álvarez e Silvia Torres.
A actividade forma parte do proxecto divulgativo do CIMM de Cabanas, entidade dependente da área de medio ambiente do Concello de Cabanas.