A programación interpretativa do CIMM para este mes de agosto inclúe catro saídas en barco e tres a pé polo litoral de Cabanas.
As saídas en barco están programadas para os días 6, 7 e 8 de agosto en horario de mañá, así como para o día 13 de agosto en horario de tarde. Nas dúas primeiras percorrerase a costa de Cabanas, chegando até a vila de Redes, para coñecer a riqueza litoral e os cambios na paisaxe da ría, mentres que as do 8 e 13 de agosto serán polo treito marítimo da desembocadura do río Eume, visitando o esteiro do río e chegando até o centro de interpretación do Parque Natural.
Por outra banda, os percorridos a pé serán os días 6, 12 e 27 de agosto. Os días 6 e 27 de agosto realizarase unha saída por Pico Castro, un roteiro duns 7 quilómetros que percorre varios puntos de grande valor paisaxístico, incluíndo a visita a Pico Castro para observar boa parte do Golfo Ártabro desde o alto. Ambas saídas partirán do CIMM ás 9.30 horas.
O 12 de agosto está previsto realización da saída interpretativa polo esteiro do Eume, cun percorrido duns 7 quilómetros que permitirá descubrir a zona intermareal e a flora e fauna asociada ao último tramo do río e do Parque Natural das Fragas do Eume. Esta saída partirá ás 17.00h do CIMM.
Para participar en calquera destas actividades é preciso inscribirse previamente enviando os datos (nome completo, DNI, teléfono de contacto) ao correo electrónico cimm@cimmcabanas.gal ou a través do teléfono 674 357 478.
Estas actividades forman parte dos proxectos do CIMM e Cabanas Mar, impulsados pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e contan con financiamento de fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.