A xornada “Camiños Submarinos. Cabanas por terra e mar” está pensada para dar a coñecer e poñer en valor o medio acuático que baña Cabanas, ofrecendo unha experiencia de descubrimento e contacto coa natureza mariña e submarina na contorna do Concello de Cabanas. A xornada divídese en tres actividades:
- Somerxemento en directo no medio mariño sen se mollar, transmitindo en tempo real as imaxes obtidas por un ROV (robot submarino pilotado) desde a praia de Chamoso ao Centro de Interpretación do Medio Mariño, onde se pode gozar desta exploración interpretada, afondando nas particularidades do medio para poñer en valor a súa importancia biolóxica, ecolóxica e cultural, resaltando a necesidade de conservar estes espazos.
- Experiencia inmersiva con lentes de realidade virtual como mostra das posibilidades de aplicación da tecnoloxía ao servizo da observación da natureza para vivir en 360 graos como é mergullarse na costa galega.
- Navegación a bordo dun catamarán 100% eléctrico e 100% accesíbel para visitar o esteiro do Río Eume e o banco marisqueiro.